[ad_1]
Máis de 50.000 persoas asolagan Compostela contra os recortes e a privatización da Xunta.
Redacción Galiza | As rúas e prazas de Compostela quedaron pequenas ante a multitude que acudiu a manifestarse en defensa da sanidade pública desde todos os recunchos de Galiza. Máis de 50.000 persoas, segundo a plataforma convocante, SOS Sanidade Pública, na que é unha das manifestacións máis numerosas dos útimos 20 anos en Galiza, lembrando de feito á histórica manifestación de Nunca Máis do 1 de decembro de 2002. Como naquela ocasión, as asistentes encheron varias veces a Praza do Obradoiro.
Galiza leva mobilizándose contra os recortes da Xunta en Sanidade desde 2015, coa masiva protesta contra a privatización do Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo, con máis de 100.000 persoas. Durante este período xurdiron decenas de plataformas en defensa da sanidade pública a nivel local e comarcal, desde O Condado até Valdeorras, pasando pola Mariña lucense e O Barbanza. Protagonizaron centos de concentracións, marchas e manifestacións contra os recortes nos seus centros de saúde e hospitais, cunha periodicidade e unha tenacidade encomiables, con fitos como a manifestación contra a eliminación do servizo de maternidade de Verín (Ourense) en 2019. A nivel nacional veñen celebrándose tambien importantes manifestacións con epicentro na capital galega, pero a de onte desbordou todas as expectativas, superando a última, de novembro de 2021, que reuniu a 20.000 manifestantes.

Quedou reflectida a fartura das maiorías sociais co desmantelamento da sanidade pública que está a levar a cabo a Xunta, primeiro con Feijóo e agora con Alfonso Rueda. A falta de recursos humanos e de financiamiento están a provocar un incremento das listas de espera para os pacientes e un deterio nas condicións laborais do persoal sanitario. Nesta ocasión a plataforma SOS Sanidade Pública puxo o foco na situación da Atención Primaria, a principal porta de acceso á sanidade pública.e á que a Xunta destina unicamente o 14% do gasto sanitario total, moi por baixo do 25% recomendado pola OMS. Esta degradación da sanidade pública ten unha intencionalidade clara, beneficiar ás empresas e fondos de investimento privados, como a empresa da que é delegada a irmá de Feijóo, adxudicada con contratos millonarios por parte do SERGAS (Servizo Galego de Saúde).
Esta mobilización, do mesmo xeito que as que tiveron lugar onte noutros puntos do Estado Español como Madrid, Burgos ou Aragón, ten que seguir avanzando, forma parte dunha carreira de fondo en defensa dos servizos públicos que implica a traballadoras e usuarias na loita por evitar que convertan o público, o de todas, nun nicho de negocio para o capital. Porque coa nosa saúde non se xoga.
[ad_2]
Source link