[ad_1]

Patricia Grela González | A loita sindical do persoal dos comedores de Inditex consegue importantes melloras laborais e salariais a poucas horas do comezo da folga. 

A convocatoria da folga, suspendida trala ratificación do acordo por parte de todas as asembleas de traballadoras, foi a resposta á cerrazón da empresa para negociar e a un goteo constante de incumprimentos laborais ata o punto de non cubrir as baixas laborais nin respectar as condicións do convenio.

As traballadoras e traballadores dos comedores de Inditex levan anos sufrindo unhas condicións laborais precarias que empeoraron dende a entrada da nova empresa adxudicataria en febreiro do 2020. 

As compañeiras máis veteranas do comedor, pasaron xa por varias empresas e agora están vendo como esta atropela os seus dereitos sistematicamente. Uns dereitos conquistados con moito esforzo ao longo destes anos.

As estratexias de amedrentamento e represalias levadas a cabo por Sodexo, foron sucedéndose á vez que aumentaba a sobrecarga de traballo e recortaban as condicións salariais.

A gran cantidade de artigos escritos na prensa xeralista sobre os comedores de Inditex eloxiando a vangarda dos mesmos, falando dos alimentos ecolóxicos e de quilómetro cero que serven a un prezo envexable para os seus traballadores, calan e ocultan un proceso de precarización do que Inditex é o maior responsable e ao que somete a todas as súas auxiliares.

A realidade é que o persoal que serve a unha das persoas máis ricas do mundo, Amancio Ortega, cobra un salario que non chega a 900 euros, cun preocupante número de contratos a tempo parcial e xornadas partidas en horarios imposibles que impiden a conciliación. 

Esta situación de precariedade estase dando nunha das empresas máis importantes de España e que ten na súa imaxe unha das súas principais estratexias de marketing. Por iso, ante os titulares que anunciaban a convocatoria da folga e os escandalosos salarios do persoal dos comedores de Inditex, a empresa concesionaria veuse forzada a sentarse a negociar. 

Unha negociación que acadou importantes melloras como a incorporación dos catro comedores a un acordo propio por enriba do marcado no convenio sectorial, unha suba salarial do 10% ou o incremento da xornada dos contratos a tempo parcial.2 Con todo, tal e como nos indican delegadas da CIG, a loita sindical non remata aquí, senón que este acordo dálles folgos para continuar recuperando e conquistando os dereitos laborais perdidos nestes anos. 


  1. Para saber máis sobre a situación das contratas de Inditex, ver https://vientosur.info/inditex-2020-a-caida-do-mito/
  2. Para saber máis sobre o preacordo ratificado polo persoal dos comedores de Inditex, ver https://www.cig.gal/nova/desconvocada-a-folga-nos-comedores-de-inditex-ao-acadarse-un-preacordo-con-importantes-melloras-salariais-e-laborais.html

[ad_2]

Source link